Os máis de 60 alumnos e alumnas que participaron na 2ª edición do Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade Sénior da Coruña recollerán o mércores, 29 de maio, os seus diplomas. Farano nun acto que terá lugar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña e no que estarán acompañados polo Alcalde do Concello de Zas, Manuel Muíño.
En total foron doce sesións dividas en tres módulos impartidos entre os meses de marzo e maio polo profesorado da Universidade da Coruña e a través dos cales se trataron temas como a sustentabilidade social e económica, a sustentabilidade ambiental e a saúde e o benestar. As clases desenvolvéronse no auditorio de Baio.
Este foi o segundo ano que o programa desembarco una Costa da Morte e un ano máis o proxecto tivo moi boa acollida tanto pola veciñanza do Concello de Zas como doutros municipios limítrofes. Un dato polo cal o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, manifestou a súa satisfacción. “É unha honra que a Universidade elixira unha vez máis o noso concello para descentralizar o seu programa de formación para maiores 50 anos e ver o interese da nosa veciñanza por participar en actividades deste tipo”, sinala Muíño.
A Universidade Sénior da Coruña – dirixida por Matilde García – organizou por segundo ano consecutivo este programa de formación en colaboración co GDR Costa da Morte e co apoio da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.