O conselleiro do Medio Rural, José González, entregou os títulos de propiedade da concentración parcelaria da Graña-Campo, no concello pontevedrés de Covelo. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 637 hectáreas, pertencentes a 486 veciños.
Neste acto, destacou que, grazas a este traballo, que supuxo un investimento de algo máis de tres millóns de euros, pasouse de 13.728 predios a 1.379 fincas. Ademais, José González salientou que a superficie media das parcelas finais pasou de 464 a 4.619 m², o que significa que se multiplicou por dez.
Nesta liña, reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2009 o Goberno galego destinou un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia. A maiores, lembrou, o seu deparamento traballa coa previsión de decretar este ano un total de 23 novas zonas de concentración parcelaria, que supoñen case 19.400 hectáreas e que beneficiarán preto de 14.000 propietarios.