O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, acompañados de membros da directiva da Asociación de Veciños de Chanteiro, visitaron este martes a zona e destacaron “a importante mellora na seguridade para os condutores e os peóns” que supuxeron as obras nunha estrada que se ancheou de 5 a 7 metros e á que se dotou ademais dunha senda peonil que garante que os veciños podan desprazarse con total seguridade pola marxe da estrada.
Estes días estanse ultimando os últimos detalles da obra, que incluirán a instalación de sinais e biondas de seguridade nalgúns tramos, a pavimentación das rotondas e o recrecido dos pozos de rexistro. O Concello de Ares será o encargado de instalar o novo o alumeado público, cuxa canalización quedou xa habilitada.
As obras contribuiron ademais a mellorar dúas interseccións coa construción de dúas novas glorietas nos cruces de Cervás e do camiño veciñal que se atopa ao final do tramo ampliado, no PK 3+600, en Chanteiro, que ademáis axudan a que non se excedan os límites de velocidade.