Rematou a fase inicial de limpeza da escultura pétrea da Virxe que foi descuberta no río Sar, en Santiago de Compostela, o pasado mes de xuño. Así, o equipo de técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade traballa neste primeiro paso nas fendas que se atopan na cabeza do anxo e na eliminación das sustancias depositadas na superficie da peza, como unha pequena pedra encaixada no manto da Virxe.
Así, o equipo aproveitou que a escultura está bastante humedecida para retirar a capa máis grosa de vexetación, así como para eliminar a colonización biolóxica de bacterias e algas que estaban depositadas principalmente na base da figura. Agora, despois de constatar que o estado de conservación da peza é, en liñas xerais, bastante estable, os expertos buscan o mellor xeito de proceder nas fases posteriores intentando a maior eficacia posible ao tempo que se minimiza o risco de danar o ben, que continúa conservado en auga co fin de controlar os niveis fisicoquímicos que tiña no medio no que foi atopada.
Os traballos previstos, co obxectivo de que a peza pétrea non sufra danos no proceso de desecado, tamén inclúen a elaboración dunha cápsula transparente que servirá para aclimatala de xeito que se poidan controlar gradualmente os niveis fisioquímicos. Para este fin procederase á extracción gradual da humidade do ambiente interior da cápsula mediante un deshumificador programable manualmente segundo o calendario establecido polos expertos de xeito que a progresión na desecación sexa o máis suave posible para non causar estres á peza.
Unha vez finalizada a actuación elaborarase unha memoria final avaliando as características desta peza realizada en granito que podería encadrarse no estilo gótico galego. Cómpre salientar que neste proceso o equipo de traballo conta coa colaboración dos investigadores Ramón Yzquierdo Perrín, Juan Manuel Monterroso Montero e Carmen Manso Porto.