Remata o curso profesional organizado por Amigos da Terra en Carballo

Cedida.

Persoas procedentes de toda Galicia participaron no curso de mestría en compostraxe organizado en Carballo pola ONG Amigos da Terra, dentro do programa Empleaverde do Ministerio para a Transición Ecolóxica e co financiamento do Fondo Social Europeo e a colaboración do Concello. Este venres rematou o período formativo cunha visita a varios puntos de compostaxe situados no noso concello, entre eles o do horto de aromáticas da Escola Municipal de Hostalaría do Fórum Carballo, que recupera a súa actividade co curso de cociña que se imparte dentro do obradoiro dual de emprego Fórum Dual, e os do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, acompañaron ao alumnado nesta xornada de despedida.

O curso, gratuíto, está destinado a persoas desempregadas, e precisamente ten como finalidade fomentar a creación de emprego nun sector con gran proxección de futuro. A titulación en Mestría en compostaxe, que empeza a ser xa recoñecida no sector ambiental de todo o estado, supón por unha banda unha alternativa real de emprego para persoas en situación de especial vulnerabilidade, tales como mulleres, persoas entre 35 e 45 anos, residentes en zonas rurais e/o áreas protexidas, persoas migrantes, persoas con diversidade funcional, entre outros colectivos. E, por outro, permite ofrecer solucións á problemática ambiental na xestión de residuos, cumprindo coa obrigatoriedade de recoller de maneira separada a fracción orgánica dos residuos municipais e xestionala preferentemente mediante compostaxe.

Neste sentido, tanto dende Amigos da Terra como por parte das persoas participantes púxose en valor o esforzo que vén realizando o Concello de Carballo, que a día de hoxe é un dos concellos galegos onde a experiencia da compostaxe está máis avanzada e conta como maior implantación. “Aínda estamos lonxe de acadar os obxectivos previstos na directiva europea, pero levamos andado moito máis camiño que a maior parte dos concellos”, indicou o alcalde.

A formación constou de 48 horas, divididas en 8 módulos en liña e 16 módulos de prácticas presenciais, ao longo das cales abordouse o ciclo completo de xestión da fracción orgánica dos residuos. O de Carballo foi o segundo curso organizado en Galicia, e incluíu visitas ás plantas de compostaxe de Santiago e Lousame.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha