Remata o prazo para a convocatoria de Emprego de médico en atención primaria

Centro médico de Buño.

Este martes, 31 de maio, remata o prazo para a presentación de solicitudes á Oferta Pública de Emprego realizada pola Xunta de 106 prazas de médico, na especialidade de atención primaria. Mediante esta OPE, cuxo proceso de selección se levará a cabo a través do sistema de concurso de méritos, Galicia convértese na primeira Comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos.

A convocatoria ten como obxectivo paliar o déficit de facultativos na atención primaria e dar resposta adecuada ás necesidades deste nivel, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia, así como as actuacións previstas no Plan galego de atención primaria 2019-2021, e a necesidade de establecer cambios na prestación asistencial e na ordenación dos recursos humanos dos equipos de atención primaria.

En relación ao número de prazas da OPE, 73 delas corresponden á quenda de acceso libre, seis resérvanse para o acceso de persoas con discapacidade e 27 á promoción interna. Así,poden participar neste procedemento todos aqueles MIR que estean no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria.

O salario medio previsto con dúas gardas/mes e xornada ordinaria de luns a venres en quendas de mañá ou tarde ou deslizantes (mañá/tarde días alternos), será de 65.000 euros ao ano.

Darase aos candidatos presentados unha puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha