Rematada a nova estación de autobuses da intermodal de Santiago


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu a sinatura do documento de recepción da estación de autobuses da intermodal entre a dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, unha infraestrutura que engloba o edificio de viaxeiros e as dársenas de autobuses.

Estas actuacións, tanto a estación de autobuses, como a pasarela que confinancian a Xunta, o Concello e ADIF, supoñen un orzamento total de 16 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achega máis de 12 millóns. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estes traballos marcarán, polo tanto, o final das obras da estación intermodal de Santiago por parte da Xunta, quedando pendente para a posta en servizo da nova infraestrutura só que o Concello de Santiago formalice os contratos dos servizos necesarios para o correcto funcionamento da estación, como limpeza, seguridade ou información.