Rematada a nova senda da estrada PO-309 ao seu paso polo Concello de Poio


  • A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destina á esta actuación un investimento de máis de 48.000 euros

A Xunta vén de rematar a execución da nova senda na estrada PO-309 ao seu paso polo concello de Poio, entre Portosanto e o enlace á autopista AP-9, mellorando a mobilidade dos veciños e a seguridade viaria.

Esta actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que atende á solicitude dos veciños, supón un investimento de máis de 48.000 euros e está enmarcada dentro do programa operativo FEDER 2019-2020.

A nova senda conta cunha lonxitude duns 400 metros, e permite conectar dun xeito máis seguro a Avenida Peirao Besada coas vías locais Avenida Colón, Camiño das Bocas e Camiño Pateira, favorecendo a conexión de servizos e equipamentos como a escola infantil, o Museo Colón ou as instalacións deportivas.