Rematada a nova senda peonil na estrada AC-413 na Tablilla, en Cerceda


As actuacións, que supuxeron un investimento de máis de 120.000 euros, benefician tamén aos veciños do municipio de Tordoia. 

Executouse unha senda na marxe esquerda da estrada, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilita os desprazamentos a pé dos veciños.

O novo itinerario, de máis de 0,4 quilómetros, proxectouse en formigón cor terrizo natural e limitouse da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario acadou os 2 metros.

Nesta actuación incluíuse a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.

A intervención foi financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.