O conselleiro do Medio Rural, José González, participou na entrega de preto de 1.300 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Loxo, Enquerentes, Fonterrosas e Ribeira, no concello de Touro, aos 680 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento de preto de 3 millóns de euros.
Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 1.000 hectáreas, a cal permitiu multiplicar case por oito a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 10.314 predios iniciais a 1.294 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.