Rematada a remodelación da fachada marítima de Porto do Son


A administración autonómica investiu nesta obra catro millóns de euros e actuou nunha superficie de 26.000 metros cadrados. Os traballos realizados permitiron reorganizar a vía, crear un edificio de servizos náuticos e portuarios na proximidade do dique, humanizar a contorna coa plantación de árbores, harmonizar a zona de xeito que todas as rúas que cruzan a vila ata o porto teñen pavimento de pedra e construír unha rotonda elevada á que se trasladou o emblemático hórreo da vila. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a esta remodelación da fachada marítima de Porto do Son como exemplo da aposta pola integración dos portos nas vilas costeiras e a súa apertura ao mar.