Este novo itinerario de preto de 800 metros une a zona deportiva, educativa e de lecer de Cabo da Area, centro de equipamentos do municipio, coa propia vila de Laxe.
O proxecto recolle dous treitos de senda, un principal, que se inicia no extremo da praia de Laxe e continúa pola marxe dereita da estrada ata a entrada da vila, onde conecta coas beirarrúas existentes.
O segundo tramo de senda conecta este itinerario principal co paseo marítimo e co carril bici existente, que discorre paralelo ao Rego dos Cabalos, por ambos os lados.
Trátase dunha senda diferenciada para peóns e ciclistas, en formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos condutores.
Esta actuación forma parte do Plan de Sendas da Xunta para a comarca de Bergantiños, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020, e que recolle preto de 11 km de itinerarios peonís e ciclistas.