Rematadas as novas áreas de hospital de día e farmacia do Hospital de Monforte

1 minutes read

Estas novas áreas foron creadas para acadar dous obxectivos, por un lado ampliar o hospital de día oncohematolóxico e, ademais, mellorar o servizo de farmacia hospitalaria.

No que atinxe á ampliación do hospital de día, tanto para o servizo oncohematolóxico como para outros servizos a pacientes crónicos nunha área polivalente, agora está instalado no segundo andar e duplica a súa superficie respecto á que tiña anteriormente (337 m2 fronte a 160). Así, a área oncohematolóxica conta cunha superficie aberta con oito postos de tratamento ampliables, e, ademais un cubículo independente para atender enfermos illados. A área polivalente tamén ten un cubículo independente para pacientes illados e outros seis postos en superficie aberta. Cada área dispón da súa sala de vestiario e baño adaptado para os enfermos.

Xunto ao anteriormente sinalado, ao estar xuntas as salas, ademais de poder distribuír de maneira máis axeitada aos pacientes en función das necesidades asistenciais, as dúas áreas de hospital de día compartirán zonas como o control de enfermería ou os tres despachos de consulta, conseguindo incrementar a actividade sanitaria de maneira máis eficiente. A obra consolida o hospital de día oncohematolóxico que, dende 2014, evita que pacientes con tratamento de quimioterapia teñan que desprazarse a Lugo.


Respecto do servizo de farmacia hospitalaria, directamente relacionado co anterior posto que prepara os tratamentos de quimioterapia, dispón dunha “sala branca”, espazo destinado a garantir a calidade na preparación destes fármacos e a seguridade dos profesionais. Máis alá desta sala, créanse dous despachos de dispensación externa, con sala de espera e sala de desembalaxe. En total, súmanse 255 m2 máis á superficie da actual farmacia.