O Concello de Vimianzo vén de rematar as obras de pavimentación e posta en valor do acceso ao muíño de Mareas (tamén coñecido como muíño da Arcea), cun espazo con fermosas vistas á illa do Forno do Sapo, en Cereixo. Trátase dun lugar de gran valor histórico, natural e patrimonial situado ao final da ría de Camariñas.
A actuación, financiada ao abeiro dunha axuda da consellería do Mar para Estratexias de desenvolvemento local participativo ao GALP Costa da Morte, tivo como obxectivo mellorar a seguridade e accesibilidade na contorna, ademais de potenciar o seu valor turístico e cultural.
Os traballos, que contaron cun orzamento de 195.470,14 euros, consistiron na pavimentación do camiño de acceso dende a estrada provincial DP-1603 ata o muíño, que ata o de agora presentaba un estado irregular. A intervención dotou o percorrido dunha superficie única de uso peonil realizada en formigón lavado con áridos naturais e granito gris para a delimitación. Tamén se colocou adoquín en zonas delimitadas de estancia e no entronque coa estrada provincial. Logrouse, así, a súa integración na contorna.
Tamén se instalou novo mobiliario e iluminación axeitada e uniforme ao longo de toda a plataforma. Ademais, acondicionouse unha zona de estancia dende a que se poden contemplar as fermosas vistas á ría e á illa do Forno do Sapo, poñendo en valor a contorna e potenciando a relación de Cereixo co mar.
O proxecto contribúe a reforzar o atractivo turístico e cultural de Cereixo, un espazo de enorme valor natural e etnográfico que conta con elementos singulares como un parque edificio, castelo e fortificación no propio núcleo, a capela románica de Santiago de Cereixo ou o propio muíño, de singular arquitectura de fábrica levantado no ano 1679 e hoxe convertido nun museo que ensina como funcionaba esta antiga tecnoloxía e a súa importancia na vida cotiá dos veciños e veciñas.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, coincidiron, durante a recepción da obra, en que esta intervención supón “ un paso máis na posta en valor do noso patrimonio” á vez que “ofrecemos un acceso seguro e atractivo a un dos lugares máis característicos do noso municipio”.