Rematadas as obras de pavimentación e saneamento en Vilar de Cidre e Entrecruces

1 minutes read
  • O Concello de Carballo vén de investir preto de 400.000 euros entre os dous proxectos

Os núcleos de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na parroquia de Entrecruces, e o de Vilar de Cidre, na de Razo, xa lucen mellor despois do importante investimento realizado polo Concello de Carballo para dotalos de novos servizos e dunha rede viaria ben pavimentada. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron un percorrido para ver o remate das obras.

En Entrecruces solucionouse o problema da falta de saneamento coa instalación de 2.394 metros de rede e 72 pozos de rexistro, executouse a canalización da auga e, grazas a algunha colaboración veciñal, tamén se pavimentou con cemento o viario.

Tamén está rematada a obra en Vilar de Cidre, onde a conexión ao saneamento municipal implicou a colocación de 1.625 metros de tubaxes. Coma no caso anterior, tamén se aproveitou a actuación para incluír as canalizacións da traída de auga, que se conectarán á gran obra de abastecemento ás parroquias de Oza e Razo que teñen en execución no Concello.

Luis Lamas e Evencio Ferrero en Entrecruces