Rematadas as obras que melloran a accesibilidade do centro de saúde de Rodeiro

1 minutes read

As obras consistiron, en primeiro lugar, no acondicionamento dun espazo na planta baixa (antes dedicado a almacén) para instalar nel a consulta e sala de espera de pediatría. Para isto, eliminouse a porta existente e colocouse unha cristaleira que permite dotar de iluminación natural tanto á nova sala de espera como á consulta. Ata o de agora, a consulta de pediatría estaba situada no andar alto do edificio principal, polo que non era accesible para subir os carriños de bebé e as escaleiras tampouco eran axeitadas debido a antigüidade do edificio principal, e a que non dispón de ascensor.

Por outra banda, a reforma resolveu tamén os problemas de accesibilidade que presentaba o inmoble, pois as ambulancias non tiñan posibilidade de acceso ao centro debido ao tamaño do portal e ao desnivel existente entre a beirarrúa e a parcela. Para solucionalo, executouse unha modificación do acceso principal para eliminar o desnivel coa beirarrúa e dotalo de máis anchura para facilitar un acceso cómodo das ambulancias.

As obras contemplaron tamén a impermeabilización da cuberta plana e substitución da cuberta do edificio posterior por unha cuberta de panel sándwich, a substitución da carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmica, a reparación da instalación eléctrica e o pintado interior do centro.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, visitou as obras, cofinanciadas a partes iguais pola Xunta e o Concello.