Rematadas as rotondas da rúa Perú e da avenida Bergantiños, en Carballo

Rotonda rúa Perú_Cedida

  • Está previsto reabrir estas rúas ao tráfico a próxima semana

Este mércores remataron as obras de construción de dúas rotondas en dous cruces urbanos con moita densidade de tráfico en Carballo. Unha das glorietas está situada no cruce das rúas Perú, Pontevedra e Ecuador, e é rebasable para grandes vehículos. Na primeira das vías tamén se acometeron actuacións de reurbanización e, aínda que a calzada xa está aglomerada, a rúa non se abrirá ao tráfico ata a semana que vén, previsiblemente ata o martes 6, ao faltar o pintado da sinalización horizontal.

Rotonda da avenida de Bergantiños
A outra rotonda que quedou lista este mércores é a da avenida de Bergantiños, a cal mellorará a circulación nos cruces coas rúas Vila de Corcubión e Alfredo Brañas. Esta glorieta é a de maior extensión, con case 20 metros de diámetro. Esta intervención enmárcase no proxecto de reurbanización das rúas Vila de Laxe, que está moi avanzada; Vila de Corcubión e Vila de Noia.

O Concello de Carballo decidiu aproveitar as vacacións de Semana Santa para acometer estas actuacións, dado que non circula o transporte escolar e tamén se reduce o de mercadorías. Aínda así, durante toda esta semana está restrinxida a circulación de tráfico pesado pola zona urbana, e os camións son desviados pola circunvalación da AG-55.

Rotonda na avenida de Bergantiños_Concello de Carballo