Rematadas na Coruña as obras do edificio do servizo de mobilidade


Destaca a integración e o respecto á contorna na intervención deste edificio, ao carón da traza do Camiño Inglés, polo que a adecuación do acabado da envolvente se realizou seguindo as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. A este coidado da contorna responde a elección das xanelas, portalóns, cuberta e as cores da fachada.

Os traballos de acondicionamento do edificio do servizo de Mobilidade na Coruña incluíron a reparación da estrutura de formigón, o tratamento dos perfís de aceiro na fachada e a mellora da rede de pluviais e da instalación eléctrica.

Tamén se actuou sobre o illamento para solucionar os problemas de humidades que se viñan producindo por mor da condensación. A intervención incluíu a substitución de todas as ventás do edificio, así como a colocación de 36 radiadores térmicos cerámicos.

Os falsos teitos foron demolidos e substituídos por unhas estruturas novas de escaiola.

No que se refire á mellora da accesibilidade, transformouse o montacargas existente nun ascensor. Ademais, substituíuse a porta da entrada por outra nova con follas asimétricas, para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida.

De xeito complementario, executáronse obras menores en materia de electricidade e fontanería nos aseos: arranxáronse os sistemas de secado de mans ou os interruptores e repuxéronse billas, chaves de paso ou cisternas.

A intervención incluíu tamén o pintado xeral do interior do edificio, especialmente nas zonas afectadas polas obras, logo dun investimento autonómico de preto de 500.000 euros.