Coa entrega de diplomas remataron os seis meses de formación teórica e, sobre todo, práctica para o alumnado do obradoiro de emprego de carpintería que se desenvolveu no Fórum Carballo grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello. Representantes de ámbalas dúas administracións asistiron ao acto, que tivo lugar nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría tras unha visita á nave de carpintería e unha breve explicación por parte da dirección e do profesorado do obradoiro do traballo desenvolvido. O obradoiro remata, pero deixa como legado o mobiliario urbano que se instalará nas rúas Luís Braille e Xílgaro, nas que pronto comezarán as obras de reurbanización.
Bancos de diferentes modelos, en función do lugar no que irán situados; pérgolas e xardineiras lembrarán o traballo realizado polo alumnado. Pero non só en carpintería se traballou para este novo proxecto urbanístico, senón que, como destacou o director do Centro Municipal de Formación, Juan Lorenzo, inténtase implicar aos distintos cursos nos traballos que se levan a cabo, e neste caso participou o de metal.
Un total de 10 alumnos e 1 alumna do Sistema de Garantía Xuvenil recibirán, tras participar no obradoiro de carpintería, un certificado de profesionalidade válido en todo o Estado. Tanto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, coma o delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, felicitaron aos participantes polo aproveitamento do curso e desexáronlles unha pronta inserción laboral, que é o obxectivo final deste tipo de accións formativas.
Ademais de Evencio Ferrero e Ovidio Rodeiro, no acto de hoxe estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez Arca; os concelleiros do goberno municipal Milagros Lantes e Xosé Regueira, e o xefe da oposición, Aurelio Núñez, que tiveron a oportunidade de compartir co alumnado e co profesorado do obradoiro de emprego un aperitivo nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría, outra mostra de colaboración entre os distintos cursos.