Os traballos consistiron en habilitar un novo itinerario ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños nos desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.
A senda executouse pola marxe dereita da estrada, entre A Ponte e Santa Cataliña, mellorando o tránsito peonil ao unir as beirarrúas previamente existentes nos treitos anterior e posterior, conformando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.
Tamén se construíu un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocouse unha barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro.
Os traballos completáronse coa reposición da sinalización necesaria.
A intervención contou con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19, no marco das actuacións que desenvolve a Xunta para fomentar a mobilidade sostible e saudable.