Rematan as obras da travesía da Ponte do Porto

Cedida.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, acompañados dos enxeñeiros da institución provincial, visitaron a travesía da Ponte do Porto para comprobar in situ o resultado duns traballos que supuxeron un investimento de 440.000 euros para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e a estética do entorno.

“O resultado paga a pena”, afirmou o presidente provincial, que lembrou que na súa última visita á zona as baldosas das beirarrúas, o firme da estrada, as barandas de seguridade e o mobiliario urbano presentaban un estado de deterioro importante. E incidiu na importancia de conservar a Ponte do Porto, “un lugar emblemático da provincia da Coruña e dos máis bonitos de Galicia”.

Pola súa banda, a alcaldesa Sandra Insua agradeceu o investimento para este importante proxecto de reurbanización, “unha obra moi demandada”. Destacou a súa vez que “se non é polo apoio da Deputación, os concellos estaríamos totalmente desamparados” e agradeceu ao presidente “a súa aposta por Camariñas”. A rexedora anunciou que agora espera continuar coa segunda fase das obras, que inclúe a conexión co Concello de Vimianzo.

O deputado de Vías e Obras, Jose Manuel Pequeño, quixo remarcar na súa intervención a importancia do ensanche das beirarrúas, que permitirán mellorar a circulación peonil garantindo a seguridade e facilitando a accesibilidade ao lugar.