O Concello de Coristanco rematou os traballos de conservación e mellora no edificio onde está instalada a Escola Infantil Municipal Galiña Azul.
As actuacións contaron cun investimento de 29.234,22 euros a cargo do Consorcio Galego de Igualdade e Servizos de Benestar e mediante a compensación cos pagamentos semestrais que o Concello realiza á entidade para o sostemento común do funcionamento da Escola.
As obras consistiron na instalación de toldos en tres fachadas acrisoladas, co obxectivo de crear varias zonas de sombra esenciais. A través desta actuación conséguese manter unha adecuada temperatura no centro durante os meses de verán e, por outra banda, permite o desfrute da rapazada ao aire libre, sempre que as condicións o permitan.
Paralelamente, instalouse unha zona de seguridade para evitar que os vehículos accedan ata a zona de entrada e saída das persoas. Así, levouse a cabo a instalación de bolardos e un valado perimetral de madeira.
As actuacións de mellora remataron co pintado do interior do edificio, dotando ao recinto dun aspecto máis luminoso tanto nas zonas comúns como nas aulas, ademais de favorecer a súa conservación.
