Esta obras contaron un investimento autonómico de 7,3 millóns de euros e agora tócalle ao Concello de Ferrol a poñelas en servizo o antes posible. Esta obra tiña por finalidade darlle continuidade ao treito de interceptor xeral desde a Gándara ata a enseada da Malata e conducir as augas residuais de toda esta zona da cidade, na que ademais de vivendas hai equipamentos importantes, como o campo de fútbol ou a piscina municipal, e levalas ata a depuradora de Cabo Prioriño.
Para acometer estas actuacións foi necesario construír dous tanques de tormentas, un xunto ao CIS e outro de maior tamaño nas inmediacións da Feira de Mostras (FIMO), ademais dunha estrutura de regulación na entrada ao peirao de Fernández Ladreda. Trátase dun sistema tecnoloxicamente avanzado que conta con conexión directa a Meteogalicia e se adapta ás previsións meteorolóxicas.
Remodelouse, tamén, o bombeo existente na Cabana e executáronse os colectores interceptores que completan a rede de saneamento da marxe norte da ría, un sistema que recolle as augas residuais de Ferrol e Narón e as trata na depuradora de Cabo Prioriño. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, incidiu no ambicioso desta actuación, rematada completamente desde hai xa algúns meses e, desde hai varias semanas, tamén finalizada a urbanización e a reposición de todo o espazo afectado polos traballos.