O Concello de Ponteceso vén de rematar a nova rede de abastecemento de auga en Bardaio, na parroquia de San Martiño de Cores, cun orzamento de 130.000 euros. A obra, moi demandada pola veciñanza, xa que os habitantes deste núcleo nunca tiveron servizo público de abastecemento, e dependían, polo tanto, da subministración mediante pozos privados e traídas de auga veciñais, permitiu conectar esta nova rede coa xa existente no núcleo de Figueiroa.
A actuación levouse a cabo grazas á cooperación entre o Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, a través do POS+ (Plan Único de Concellos), e permitirá unha futura ampliación da rede cara ao núcleo de Riotorto.
Segundo o alcalde, José Manuel Mato, «estas obras constatan a aposta do goberno local por levar servizos públicos de calidade a todas as parroquias do concello. Temos a vontade de mellorar estes servizos e de executalos alí onde non existan, como foi o caso de Bardaio», sinalou.
A obra contemplou a instalación de dous tramos principais de condución de polietileno, cun total de 361 metros de tubaxe de 75 milímetros de diámetro. Repoñéronse as gabias e os pavimentos afectados mediante aglomerado asfáltico en quente na beiravía da estrada provincial DP-6805 e nas vías municipais. Ademais, realizouse o reasfaltado completo da calzada afectada polos traballos.
Tamén se renovarán as cunetas de terra e os pasos salvacunetas afectados, e os traballos concluirán coa correspondente sinalización horizontal e vertical.
