A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as actuacións para a eliminación do treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551 en Domaio, no concello de Moaña, que supuxeron un investimento de 490.000 €.
A actuación desenvolveuse no treito comprendido entre os puntos quilométricos 27,7, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e no 32,6, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.
Os traballos centráronse na mellora de interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executou unha glorieta. Esta última permite os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.
Tamén se acondicionaron os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instaláronse sinais verticais luminosos e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais, limitáronse o aparcamento nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.
Ademais habilitáronse dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de autobús, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén posibilitaron a mellora do paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.
No marco desta obra, renováronse as barreiras de seguridade e repuxéronse algúns sinais verticais, sendo substituídos por outros de maior reflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. E colocáronse bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.
Atendendo ás alegacións presentadas ao proxecto inicial, actuouse para posibilitar o xiro á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103. Ademais, na contorna da nova glorieta, no punto quilométrico 31+580, ampliouse o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.
Durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinouse o punto exacto máis axeitado para situar o cruzamento peonil no punto quilométrico 31+920.