Rematan en Coristanco as obras de humanización e mellora da avenida Finisterre e rúas interiores en Bormoio-Agualada

1 minutes read

O Concello de Coristanco vén de rematar definitivamente as obras de humanización e mellora da avenida de Finisterre e rúas interiores en Bormoio – Agualada tras aplicar, esta semana, unha nova capa de rodadura en aglomerado e proceder ao pintado definitivo da vía.

As actuacións contemplan a ampliación das beirarrúas existentes en ambos lados da vía, dando cumprimento e optimizando a accesibilidade. Ademais, e conxuntamente a estas actuacións, realizouse unha nova rede de pluviais separándoas das fecais.

Outras das actuacións realizadas foi o cambio da rede de abastecemento e a modificación do alumeado, recolocando as luminarias existentes e instalando unhas novas luminarias LED en báculos na marxe esquerda e no ámbito da actuación.

“Antes de que remate o ano, o goberno local ten previsto a renovación do alumeado en todo o núcleo, eliminando a totalidade das luminarias antigas e colocando equipos eficientes LED a través dunha nova rede de cableado”, destacou o alcalde Juan Carlos García Pose.