A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou a execución das actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de seis ríos ao seu paso polo concello de Outes.
Os traballos, iniciados o pasado mes de febreiro, desenvolvéronse nos ríos Entíns, Outes, Rial, Bendimón, Donas e un río innominado, no seu percorrido por distintos lugares do municipio.
Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 9 km.
Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación.
Os traballos centráronse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.
Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.