Rematan os traballos de pavimentación do acceso ao núcleo de Castro, en Vimianzo


O Concello de Vimianzo rematou os traballos de pavimentación da pista de acceso ao lugar de Castro, na parroquia de Salto. Trátase dunha obra integrada no Plan de Mellora de camiños municipais 2022/2023 de AGADER.

No proxecto contempláronse tarefas de limpeza e roza de cunetas, actuacións de recheo, aplicación dunha nova capa de rodaxe, obras de drenaxe e a instalación de elementos de sinalización, tanto horizontais coma verticais.

Pola súa banda, os servizos municipais levaron a cabo tarefas de canalización de cunetas, sobre anchos, reforzos de formigón e a demolición dunha garaxe na contorna da intervención. O tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, sinala que estas actuacións “permiten aumentar a seguridade viaria tanto de peóns como do tráfico rodado, continuando co plan de melloras no rural en todos os seus aspectos”.