O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou a Unidade de Neonatoloxía do Hospital Materno Infantil “Teresa Herrera”, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, para dar conta do remate das obras de reforma desta unidade, consistentes en suprimir aquelas barreiras arquitectónicas aínda existentes para gañar en eficiencia e en comodidade, e que supuxeron un investimento de 67.000 euros. A visita enmárcase na semana na que se conmemora o Día mundial do neno prematuro.
Entre as actuacións desta reforma están a eliminación das paredes e paneis que dividían as áreas de coidados mínimos e intermedios e a supresión do corredor perimetral. Así mesmo, renovouse o chan, o teito, a pintura, os controis de enfermería e toda a iluminación. Xunto ao anterior, mellorouse a ventilación, que se individualizou por áreas.
Grazas a esta reforma dótase de luz natural directa a todos os espazos e faise un mellor aproveitamento da unidade, o que posibilitou crear dúas habitacións nai-fillo e dous boxes de illados. Ademais, acondicionáronse áreas de descanso para os pais.
23