Un total de 225 alumnos e alumnas dos institutos Monte Neme, Isidro Parga Pondal e Alfredo Brañas participaron nos obradoiros de prevención da violencia de xénero, organizados pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM), que se desenvolveron dende principios de abril ata esta semana.
Cada grupo participou en tres sesións de traballo nas que se abordaron diferentes aspectos. As dúas primeiras estiveron centradas en explicar que é a violencia de xénero, os comportamentos que a inclúen, os mitos do amor romántico, os celos ou as novas formas de exercer violencia a través das novas tecnoloxías. Na terceira sesión grupal, co dobre de duración que as anteriores, introducíronse distintas pezas microteatrais sobre relacións de parella insás para analizar e reflexionar os comportamentos micromachistas ou microviolentos que se teñen normalizados para que saiban identificalos e non consentilos.