Os traballos executados, xunto cos do novo emisario submarino, supoñen un antes e un despois na mellora da calidade das augas da ría, e polo tanto, na forma de protexer a actividade marisqueira, a calidade ambiental e a actividade turística. As obras acometidas na depuradora, cun investimento de 16,5 millóns de euros, centráronse na mellora da liña de auga co fin de dar cumprimento aos límites de vertido que marca a lexislación europea.
Os traballos permitiron, non só cumprir cos parámetros esixidos para o vertido da auga á ría de Pontevedra, senón tamén situalos entre un 60 e un 80% por debaixo dos límites establecidos. A actuación acometida supuxo a remodelación do tratamento secundario, para garantir a correcta depuración dun caudal de 900 l/s de auga. Tamén se ampliou a liña de lodos para ter en conta as novas achegas e se realizaron accións previas que permitiron manter en todo momento activa a depuradora durante as obras.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou nunha visita ao lugar que é un salto de xigante na calidade da auga da ría de Pontevedra ao conseguir eliminar de media o 90% dos contaminantes.