O Concello da Coruña rematou os traballos de sondaxe no Castro de Elviña, que comezaron o pasado 27 de xuño. A intervención contou cun equipo técnico de dez persoas e oito alumnos/as en prácticas dos graos de Historia e Historia da Arte e do Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC. Baixo a dirección de Samuel Nión Álvarez, o equipo realizou dúas sondaxes na ladeira sueste do Castro de Elviña, co obxectivo de coñecer máis información sobre dous elementos presentes no xacemento.
A primeira centrouse en identificar a posición dun posible elemento antropomorfo, concluíndo a súa recente posición e descartando que ese fose o seu lugar inicial. No caso da outra sondaxe, as intervencións centrábanse no espazo coñecido como “túmulo”, unha estrutura indeterminada situada na ladeira sueste do Castro de Elviña. Este xacemento xa era coñecido dende as primeiras escavacións dos anos 40 e 50, dirixidas primeiro por Luis Monteagudo e por José María Luengo despois. Pouco se sabía desta estrutura ata o día de hoxe, máis alá do seu carácter anómalo na contorna dos castros en Galicia, xa que parecía contar cunha aliñación de pedras particularmente habitual no mundo galo-bretón. As sondaxes arqueolóxicas permitiron confirmar a existencia desta delimitación de pedras de gran tamaño, asentadas e estruturadas de forma intencional, definindo unha planta máis ou menos circular. A esta delimitación débeselle engadir un novo aliñamento de pedras que discorre pola parte interior, cuxo final non foi identificado, pero que podería abranguer toda a parte interna do “círculo”.