A actuación forma parte do Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, impulsado pola Consellería do Medio Rural a través do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) e cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
A intervención consiste na completa renovación do firme desta vía, que comunica as fincas agrícolas desa zona coa estrada DP-2404 que dirixe á Silva e tamén dá acceso ao termo municipal de Carballo por Paradela. Presenta unha lonxitude de 1.250 metros e unha anchura media superior aos cinco metros nos que se mellorou tanto a plataforma de rodadura dos vehículos como a drenaxe da estrada para reforzar a seguridade.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de Obras Públicas, Jesús Souto, desprazáronse ao lugar da intervención para coñecer o desenvolvemento dos traballos.
O orzamento do proxecto ascende a 65.434,08 euros, dos cales a Xunta de Galicia achega 53.961 euros. O Concello asume a parte restante con fondos propios municipais.