No que respecta á sección dedicada aos centros educativos beneficiáronse dela seis colexios así como tamén os usuarios da Asociación ASPADEX. Aproximadamente uns 600 escolares asistiron ás actividades programadas para eles e que foron teatro de monicreques coa Compañía Tarabelos, maxia infantil co Mago Paco, obradoiros de astronomía e planetario portátil con Íñigo de la Quadra-Salcedo e unha sesión de contos con Felipe Díaz “Caxoto”. A maiores estaba programada unha conferencia sobre patrimonio para o alumnado de bacharelato que tivo que ser suspendida pola folga do alumnado deste pasado xoves día 26.
Polo que atinxe á sección para o público en xeral, desenvolvida os sábado de outubro, as mulleres que viven soas da narradora oral e escritora Paula Carballeira, o concerto comentado da gaiteira Marina Fernández e da percusionista Sandra Pérez, a conferencia “Orgullosos do noso pasado” do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, e o discurshow “Código Alfa” de Vicente Mohedano co que se deu fin este pasado sábado ao programa, foron as propostas e convidados dun programa intenso e variado que intentamos sexa de interese para todo tipo de público.
Vivente Mohedano é director teatral e actor profesional con ampla traxectoria en teatro, cine e televisión. Recibiu diferentes recoñecementos e mencións polo seu traballo como un Premio María Casares coma mellor actor secundario por “Tango”; Premio ao mellor actor por ·Estereoscopía” no V Festival dixital El Sector de Madrid; Premio ao mellor actor por “Dous homes e un suicidio” no XII Festival Internacional de Curtametraxes de Torrelavega, así como dous Premios ao mellor actor no VI e VIII festival de Cans.
No terreo da divulgación resaltar que é un dos creadores dos Cafés Científicos, promovidos polo Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, e recoñecidos como práctica inspiradora en cultura científica polo FECYT polo seu formato orixinal e a súa capacidade para envolver públicos non especializados.
Creou, xunto con Xurxo Mariño, o equipo Peripeciencia, experiencia de interacción entre ciencia e artes escénicas, froito do cal nacen os discurshows, espectáculos didácticos cos que se comunica ciencia mesturando charla, teatro e divertimento, pero sen abandonar o rigor científico.
Na terceira edición do programa O Mes da Fundación, no ano 2015, Vicente, xunto con Xurxo Mariño, xa nos presentara outro discurshow titulado “Protón”, no que se falaba da historia do Universo, de como foi desenvolvéndose a materia, os átomos, as estrelas, etc., para ao cabo de 9.000 millóns de anos centrarse na formación do Sol, dos sistema solar, do planeta Terra ou do ser humano.
No do sábado, titulado “Código Alfa. Masculinidade en conflito. Masculinidade en construción” abórdase un tema complexo. Os homes e as mulleres podían entender con facilidade os papeis que debían xogar na colectividade, mais o lento asentamento do feminismo nas nosas sociedades, como elemento democrático incentivador de xustiza e de igualdade entre individuos, é percibido por diversos sectores como unha fonte desestabilizadora que violenta e subverte os consensos tradicionais.
A maiores, a normalización da presenza feminina empoderada nos diversos ámbitos da vida, parece ter collido despreparada, e despistada, á masculinidade rampante e confiada.