A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de acondicionamento do poboado fortificado da Idade de Ferro de Castromaior, en Portomarín, que consistiron na súa limpeza e consolidación. Para dar a coñecer o resultado organizouse unha xornada de portas abertas a parte do propio asentamento situado na parroquia de Santamaría de Castromaior, e contou con varios arqueólogos que formaron parte da campaña.
O castro está datado entre os séculos V a.C e I d.C., e destaca pola súa gran extensión -ao ocupar máis de cinco hectáreas ao carón do Camiño Francés- e pola súa complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos, ademais de varios socalcos exteriores asociados, que dotan a todo o conxunto dunha gran monumentalidade.
Despois de escavar parcialmente o xacemento entre os anos 2006 e 2009, deixando á vista unha serie de edificacións e parte da súa muralla, a Xunta emprendeu novos traballos de limpeza e consolidación do asentamento baixo control arqueolóxico entre os anos 2020 e 2021, que veñen de rematar. Como resultado, o castro ten unha mellor estabilización e conservación e favorécese tamén a súa visita cultural.
