O buque ‘Futura’, cargado con 37.000 toneladas de gasóleo, atracou este domingo no porto exterior coruñés de Punta Langosteira tras sufrir unha avaría mecánica. Trátase dun petroleiro de 175 metros de eslora, 31 metros de manga e 11 de calado, que sufriu un fallo no motor e solicitou abrigo para evitar problemas maiores. En coordinación con Capitanía Marítima e os diferentes servizos portuarios, o petroleiro chegou remolcado sen contratempos ao porto exterior, onde permanecerá varios días para que poida ser reparado. Non é a primeira vez que as instalacións de Punta Langosteira liquidan situacións complicadas para a navegación. Hai pouco máis de dous anos o petroleiro ‘Max Jacob’ atracou tamén cun fallo mecánico cando navegaba con preto de 150.000 toneladas de fuel, e meses despois, en xullo de 2017, o quimiquero ‘ Njord Cloud’ solicitou abrigo en condicións similares. A localización estratéxica de Punta Langosteira fai posible o abrigo e amarre de barcos de calado importante en condicións dubidosas para a súa navegación, e por tanto que necesiten ser reparados, aínda que non hai que fiarse, non sempre a climatoloxía se alía con este tipo de casos e polo consecuente o risco sempre podería ser maior.