Inaugurouse na Biblioteca de Galicia a exposición Concepción Arenal: Bicentenario 1820-2020, unha mostra coa que a Xunta de Galicia rende homenaxe a esta autora e que reúne varias das súas primeiras composicións, incluídas as reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio. Para a exposición, a Biblioteca de Galicia seleccionou algo máis de 65 obras dos seus fondos e está artellada en seis eixos temáticos. A primeira das vitrinas está dedicada ás biografías publicadas sobre Concepción Arenal; na segunda amósanse algunhas das súas primeiras composicións, tanto poemas como obras de teatro, artigos na prensa, fábulas en verso e tamén reproducións dalgunha das súas cartas, como a que custodia a Biblioteca do Mosteiro de Poio destinada a unha das súas amigas. Concepción Arenal: Bicentenario 1820-2020 poderá verse no vestíbulo do Edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura ata o mes de decembro. A entrada é gratuíta e poderá visitarse en horario de 10,00 a 20,00 horas.