Renovación da pista de atletismo da USC a través dun convenio de medio millón de euros


Na actualidade a pista de atletismo presenta un considerable deterioro na súa superficie, debido ao uso e ao tempo transcorrido dende a súa execución -o actual pavimento foi colocado en 1998- o que fai necesaria a renovación tanto do propio pavimento, a dos elementos que compoñen a pista, así como a clasificación e homologación necesaria para o seu uso.
Os traballos a executar serán actuacións previas, revestimentos, marcaxes e sinalización, firmes, equipamentos deportivos (placas de sinalización regulamentarias; bordo de aluminio; círculo lanzamento de peso; dobre círculo lanzamentos disco e martelo; saneo de táboas de batida; táboas de batida completa; fosos de caída; arranxo da ría de obstáculos; obstáculo da ría; saneo da plataforma da pértega; saneo dos círculos de lanzamento de peso, disco e martelo; caixa de pértega mais tapa e postes de chegada), seguridade e saúde, xestión de residuos e control de calidade e homologación.
Precisamente, grazas a esta actuación, a pista acadará a homologación IAAF Clase 2 coa que poderá acoller campionatos galegos, nacionais, así como probas internacionais de carácter básico sempre que se cumpran outros requisitos exixidos.

A Xunta de Galicia achegará o 35% do orzamento global (173.516,99 euros), a mesma contía que a Deputación da Coruña, mentres que o Concello de Santiago sufragará o 30% restante (148.728,60 euros). A execución o e o remate das obras contratadas terá como data límite o 31 de marzo de 2022. Unha vez executadas as obras corresponderá á USC a xestión, mantemento e conservación das instalacións deportivas, correndo da súa conta a totalidade dos custos que en concepto de persoal, adquisicións de bens, servizos ao exterior e outros conceptos se deriven delas.