A Avenida de Bergantiños –o tramo da estrada AC-552 ao seu paso pola vila de Paiosaco- está a ser obxecto dunha intervención promovida polo Concello da Laracha e que suporá unha substancial mellora da seguridade viaria.
A obra consiste na completa renovación dos bordes da calzada en ambas marxes da vía para reordenar as zonas de aparcamento público de vehículos. Para unha maior seguridade viaria, orientaranse os novos estacionamentos para aparcar marcha atrás -tal e como se recomenda actualmente para facilitar posteriormente a incorporación á estrada- en lugar de facelo en oblicuo e cara adiante como na actualidade.
Contémplase, ademais, a renovación do pavimento neses espazos de estacionamento, a adecuación dos bordes das beirarrúas e a correspondente sinalización horizontal e vertical.
O proxecto, valorado en máis de 92.000 euros e está a ser executado pola construtora SYR-AMG.