Renovación de sete coches da Policía Local na Costa da Morte


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou os dous novos vehículos do parque móbil do Concello da Laracha adquiridos grazas a un apoio da Xunta de máis de 63.000 euros.

Un destes vehículos adquiriuse ao abeiro dos Fondos de Compensación Ambiental que se destinan de forma directa aos concellos e o segundo deles ao abeiro das axudas de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a concellos para o financiamento de vehículos, mediante o sistema de renting, para os corpos de policía local, unha nova orde que contou cun orzamento de 1.075.200 euros do Fondo de Compensación Ambiental, que esixe que os vehículos subvencionados teñen que ser tamén eléctricos ou híbridos e con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

Trenor destacou que ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental ordinarios dirixidos aos municipios e desta nova orde de renting que se abriu por primeira vez este ano, a Xunta apoiou a adquisición de 7 novos vehículos municipais. A Laracha (2), Coristanco (2), Cee (1), Vimianzo (1) e Laxe (1) cunha axuda que ascende en total a máis de 341.000 euros.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha pola Xunta en 2010 para distribuír os ingresos do canón eólico e permitiu ata agora cofinanciar máis de 2.300 proxectos en Galicia por máis de 108 millóns de euros. Nesta liña, Trenor explicou que estes proxectos teñen un efecto exemplarizante ao contribuír a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o medio ambiente das medidas de eficiencia enerxética e de impulso da sustentabilidade nas administración públicas, en concreto nas entidades locais.