Renovación dos pantaláns e creación das instalacións da escola de remo de Pontedeume

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de renovación e mellora dos pantaláns do peirao de Pontedeume. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou a zona para comprobar os traballos que se están a executar nas instalacións aboiantes de uso profesional e náutico-recreativo e que contan cun investimento de 244.000 euros.

As actuacións supoñen, entre outros labores, a renovación integral do pavimento e a dotación de novas prazas de amarre tanto para a frota profesional como para a náutico-recreativa. Coa renovación dos pantaláns dotaranse de novos fingers, o que supón un salto cualitativo na seguridade do acceso ás embarcacións e maior facilidade de amarre. Así mesmo, dotaranse os pantaláns de escaleiras abatibles, balizamento e sistema de control de acceso a través do teléfono móbil ao tempo que se instalarán torres de luz e auga.

En concreto, o pantalán pesqueiro amplíase coa instalación dun novo módulo obténdose en total 33 prazas de seis metros de eslora. En canto aos dous pantaláns de embarcacións deportivas, a actuación permitirá contar con 58 prazas de seis metros e outras 13 de oito metros. En total habilítanse 11 atraques máis, todos eles dotados de fingers. As obras inclúen ademais a construción dun novo pantalán para dar servizo de acceso ao mar aos usuarios da escola de remo da localidade coruñesa.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha