Renovación estética do barrio de Ferrol Vello tomando como base “As Meninas de Canido”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e Eduardo Hermida, representante da Agrupación Artística Meninas de Canido asinaron un convenio para para colaborar no financiamento do proxecto ‘La primera milla del Camino Inglés’. O acto contou coa asistencia do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que destacou a “singularidade” e a “relevancia artística” deste proxecto para o barrio Ferrol Vello e para a cidade.

O obxectivo do proxecto ‘La primera milla del Camino Inglés’, que suporá un investimento de 38.000 euros dos que a Deputación achega 30.000 é converter o inicio deste itinerario xacobeo nun punto “orixinal e totalmente diferente ás alternativas xa existentes”, como explican desde a agrupación. A actuación terá lugar no barrio de Ferrol Vello, que se intervirá para conseguir un atractivo estético e artístico sen alterar a morfoloxía do propio barrio.

A Agrupación Artística Meninas de Canido pretende trasladar o modelo de éxito que implementaron coas ‘Meninas de Canido’ ao barrio de Ferrol Vello, converténdoo noutro referente cultural e turístico nacional e internacional. Para isto, mapearon a zona seleccionando posibles ubicacións onde situar as súas creacións artísticas que xirarán ao redor de diferentes temáticas como a figura do pescado e o mar, personaxes ilustres da cultura galega principalmente ferroláns como Torrente Ballester ou Concepción Arenal.

Escolleron o barrio de Ferrol Vello polas súas características históricas e a situación estratéxica de comezo do Camiño. Ademais, contemplan a continuidade ao longo da ruta noutros municipios a través dunha sinalización personalizada que faría recoñecible a ‘Primeira Milla’. Por outra banda, contarán coa colaboración de locais e negocios de hostalaría da zona para sumarse a esta campaña, ofrecendo a degustación de produtos de calidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que “esta é unha mostra máis do compromiso que ten a Deputación para potenciar o Camiño Inglés, neste caso a través da colaboración cunha entidade de acreditado prestixio como a Agrupación Artística que impulsou As Meninas de Canido, nun modelo de intervención artística nos espazos públicos que se está a replicar noutras cidades europeas debido ao seu éxito”.