A actuación prevista consistirá na renovación de acabados e instalacións básicas do salón de actos e da escena, así como a renovación da cuberta deste corpo do edificio, ampliando a zona de escena para mellorar as prestacións da caixa escénica.
No salón de actos renovaranse na súa totalidade os acabados incluíndo os recubrimentos de paredes, falso teito e pavimentos. Mellorarase o chan do patio de butacas xerando un chan continuo para a instalación dun novo mobiliario de butacas, con maior liberdade de disposición.
Na disposición da plataforma do patio de butacas, recóllese a localización dunha plataforma horizontal necesaria para a instalación de mesas de control para o desenvolvemento das actividades da escena.
As paredes laterais do salón cubriranse cun zocalo de taboleiro de madeira, resistente para mellorar a súa durabilidade e para darlle un bo acondicionamento acústico á parte baixa da sala. A partir deste zócalo as paredes cubriranse con paneis de material absorbente. O teito do salón de actos, por tanto, leva ese mesmo acabado dando continuidade á parte alta das paredes e ao teito.
O escenario do salón de actos dispón na actualidade dun escenario de desigual altura interior que o patio de butacas e disponse aberto á sala. Estas condicións minoran as prestacións do espazo desde o punto de vista da práctica docente. Por iso, proponse a modificación deste espazo para dispoñer das condicións que favorezan a implementación das actividades docentes necesarias. Así, ampliarase a altura interior para a instalación de elementos de escenarios e a necesidade de decorados teatrais e modificarase a iluminación. Deste xeito, xerase unha caixa escénica para dar a posibilidade de desenvolvemento desas actividades teatrais. Para conseguilo modificarase a xeometría da cuberta para dar cabida á tremoia de iluminación, decorados e á instalación do acceso a esta parte da actividade.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado por Maria Eugenia Perez Fernández, directora xeral de Formación Profesional, e polo xefe territorial da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade, Indalecio Cabana, visitou as instalacións.