A Xunta, Ecoembes e a Federación de asociacións veciñais Lucus Augusti renovaron a liña de colaboración que manteñen desde o ano 2020 para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón en Lugo co reto de incrementar as taxas de reciclaxe deste tipo de residuos nun 10%.
Este venres tivo lugar o acto de sinatura do convenio que aglutina a máis de 300 asociacións de veciños lucenses e renova deste xeito, por terceiro ano consecutivo, o seu compromiso coa reciclaxe e o fomento da concienciación cidadá nesta materia.
En concreto, entre as obrigas que asume Lucus Augusti para este ano figura a celebración de, como mínimo, unha sesión de sensibilización dirixida principalmente aos seus asociados pero tamén ao público en xeral, que será impartida por un educador ambiental facilitado a tal fin por Ecoembes.
Así mesmo, a entidade comprométese a proporcionar información e concienciar sobre a reciclaxe deste tipo de residuos dentro do seu ámbito de actuación e no exercicio da súa propia actividade. Por último, a federación tamén garantirá a colocación de contedores en todas as súas sedes para poder facer unha recollida selectiva de envases e embalaxes, ao tempo que se encargará do mantemento, recollida e baleirado dos cubos e papeleiras habilitados para depositar estes residuos.
Para poder poñer en práctica todas estas accións, a federación veciñal lucense recibirá unha achega de 10.000 euros —contía que duplica á do ano pasado— procedente do convenio marco de colaboración subscrito no ano 2020 entre a Consellería e Ecoembes.