A Xunta e Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA) veñen de renovar a súa cooperación para fomentar entre a mocidade o coñecemento e coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto Ríos’.
Deste xeito manteñen activa a súa colaboración e dan continuidade a este programa de voluntariado e educación ambiental iniciado hai dezasete anos, e no que Galicia é referencia estatal.
Augas de Galicia, financia con 50.000 euros as actividades coordinadas pola asociación ambientalista baixo o paraugas deste programa, no que o Instituto de Estudos do Territorio achega o soporte para a xeorreferenciación.
A colaboración vén avalada polas boas cifras do programa ‘Proxecto Ríos’ e a súa contribución para achegar os ríos á poboación, educar en torno á protección e conservación dos ecosistemas que os conforman, así como na sensibilización dos participantes e as súas responsabilidades, especialmente no relativo á contaminación das augas e no seu bo mantemento.
O acordo mantén o obxectivo de seguir incrementando a participación cidadá no programa ‘Proxecto Ríos’, a través de accións e actividades formativas cursos ou campañas de limpeza. Con estas actividades se segue a afondando na toma de conciencia da importancia da protección do medio natural e no espertar dunha maior preocupación e implicación no coidado dos río entre as novas xeracións.