Renovada a dirección do Grupo Parlamentario do PSdeG, que terá como portavoz a Luis Álvarez


O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, anunciou a decisión da Executiva do partido de renovar a dirección do Grupo Parlamentario comezando pola designación do lugués Luis Álvarez como novo portavoz. Álvarez terá o encargo de converter ao Grupo Parlamentario nunha “correa de transmisión das inquedanzas e da sensibilidade da sociedade galega”, fixando unha “nova dinámica de contacto permanente, de propostas e de escoitar á sociedade galega”. 

Formoso, anunciou a renovación de todo o equipo de dirección do Grupo Parlamentario para “darlle cabida á representación das catro provincias galegas” respectando ademais o criterio da paridade. O peso da dirección do equipo, dixo, recaerá sobre o parlamentario lugués, que cualificou como “ben recoñecido parlamentario” e sinalou as súas cualidades de “persoa rigorosa e construtiva”.

A dirección do Grupo Parlamentario completarase coa entrada da deputada coruñesa Begoña Rodríguez Rumbo, así como de Carmen Rodríguez Dacosta e Juan Carlos Francisco, os dous de Ourense, de Leticia Gallego e Julio Torrado pola provincial de Pontevedra e, finalmente, o propio Álvarez e Patricia Otero por Lugo. Anunciou que a nova etapa comezará cunha xuntanza do Grupo Parlamentario este mesmo luns.