Repartidas case 500 bolsas de compost entre as familias do programa ‘Ti tes a chave’

1 minutes read
  • O domingo e o luns instaláronse postos informativos na Milagrosa e na zona do Hospital

Entre o domingo e o luns repartíronse 80 bolsas máis de compost entre as familias carballesas que participan no programa “Ti tes a chave”, que se suman ás 400 entregadas o mes pasado na rúa Coruña. Polos postos informativos, instalados nesta ocasión na Milagrosa e na zona do Hospital, pasaron tamén numerosas persoas interesadas en unirse aos programas de compostaxe do Concello de Carballo. De feito, tramitáronse 25 solicitudes de chave para o contedor marrón e 6 para novos composteiros individuais.

Co reparto de compost, o primeiro producido na planta de compostaxe de Cerceda grazas á colaboración da veciñanza carballesa, desde o goberno local quixeron «visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores de cor marrón».

Ademais da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana e na que participan xa máis de 1.000 familias e establecementos comerciais e hostaleiros, no concello carballés hai case 700 familias no conxunto das parroquias que contan con composteiros individuais. O prazo para participar en calquera das dúas modalidades de recollida selectiva dos residuos orgánicos está permanentemente aberto. Máis información en carballolimpo.com.