- Ademais, ao voluntario marrón sumáronse unha vintena de persoas
Preto de 200 laracheses adheridos ao programa de reciclaxe municipal Ti tes a chave recolleron na xornada de onte a súa bolsa co primeiro compost producido na planta de Sogama grazas, precisamente, aos residuos sólidos urbanos depositados nos colectores marróns da fracción orgánica.
Durante a mañá deste pasado mércores instalouse na Praza do Concello un posto no que se fixo entrega do material (os usuarios recibiran previamente unha mensaxe SMS informativa) e tamén se ofreceu a posibilidade de darse de alta no programa. De feito, sumáronse unha vintena de novos veciños que recibiron un kit de voluntariado marrón formado por un cubo ventilado de dez litros de volume, bolsas compostables e unha chave coa que abrir os colectores da quinta fracción. Na actualidade estes atópanse en funcionamento nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
Quen desexe inscribirse na iniciativa Ti tes a chave e formar parte dun grupo de máis de 600 participantes, entre familias e empresas, pode acudir ao propio Concello en calquera momento.