‘repenicar’ dos bolillos no polideportivo de Vimianzo con máis de 500 palilleiras protagonistas

1 minutes read

O ‘repenicar’ dos bolillos transformou durante a xornada deste sábado o polideportivo municipal de Vimianzo no lugar de exaltación da artesanía de toda a Comarca con máis de 500 palilleiras protagonistas.

Ás 12:00 horas tivo lugar a inauguración institucional, á que acudiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e as concelleiras e concelleiros María José Pose, Víctor Muíño, Mario Andújar, Miguel Ángel Pérez e Rosa Blanco. Acudiron tamén Raquel Rodríguez e Francisco Calzas do Partido Popular de Vimianzo e Marta Rey e María Jesús Barbeira do grupo de Adiante Vimianzo, xunto coa técnica de Cultura do Concello, Nieves Lema.

Con esta, xa van XV edicións da tradicional Xuntanza Palilleira promovida pola asociación ‘As Nemanquiñas’ e coa que colabora o Concello de Vimianzo, unha xornada de irmandade na que se deron cita artesás chegadas de Soria, Viveiro, Sarria, Lugo, Vigo, Cambados, Vilanova de Arousa, Oleiros, Cariño, Salvaterra, Muxía, Camariñas, Abegondo, Lousame ou mesmo de Vimianzo.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo destacar “a significación que ten para toda a Comarca un evento como este. É a décimo quinta edición dunha tradicional xornada que non só serve para compartir experiencias, senón tamén para exaltar a nosa artesanía. Temos un potencial nesta Comarca, e en toda Galicia, moi importante, e hoxe podemos presumir delo cun pavillón ata a bandeira”, concluíu.