O dato da suba de prezos en Galicia no mes de xaneiro, por enriba da media no Estado, desapareceu este mércores dunha información da Radio Galega despois de que o redactor encargado do tema se negase a modificar a nova a petición da coordinadora de informativos. Un día despois, este traballador recibiu “unha comunicación empresarial na que se lle comunica o seu cambio ao programa Galicia Noticias da TVG, logo de case 25 anos prestando servizos na canle radiofónica”.
Así o denuncia o comité intercentros que representa o persoal da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) nun comunicado no que interpreta este cambio laboral como “susceptible de constituír unha modificación substancial das condicións de traballo” e como “unha clara represalia contra o traballador, crítico coas prácticas de manipulación” no ente público. Ademais hai outros tres traballadores afectados por cambios “inminentes” dentro da CRTVG comunicados na véspera do ‘venres negro’ 248 de reivindicacións do colectivo Defende a Galega.